A provincia de Ourense volve ser, un ano máis, un dos territorios protagonistas da Vuelta a España, nesta ocasión na caravana publicitaria que acompaña a rolda ciclista en todas as súas etapas. Así o acordaron hoxe en Madrid o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director xeral de Unipublic e da “Vuelta”, Javier Guillén, unha colaboración que permitirá á Deputación de Ourense, a través do Inorde, promocionar en todo o mundo, entre o 19 de agosto e o 10 de setembro, ao longo de 21 etapas, os atractivos turísticos, termais, naturais e históricos da provincia de Ourense na 72ª edición da Vuelta a España.

A caravana publicitaria incluirá un vehículo coa imaxe promocional de “Ourense, a provincia termal”, con material de merchandising, e a presenza no denominado “Parque Vuelta”, un espazo temático de ocio, espectáculos e gastronomía visitado por máis de 100.000 persoas, principalmente público familiar.

A imaxe de “Ourense, a provincia termal” será difundida en 190 países, nun evento que terá 140 horas de difusión en televisión, cunha media diaria estimada de audiencia de 1,4 millóns de espectadores. Ademais, o alcance da promoción completarase coa difusión a través da web da Vuelta (4,1 millóns de visitantes), e as plataformas móbiles (250.000 descargas), así como nas redes sociais (con 590.000 fans e máis de 14 millóns de vídeos vistos). As cifras de espectadores que seguen “in situ” a “Vuelta” é de 2,5 millóns de persoas, ao longo das máis de 400 cidades que visita a caravana nos seus 3.500 quilómetros de percorrido.

A 72ª edición a “Vuelta” comezará o 19 de agosto en Nimes (Francia) e percorrerá rexións do Mediterráneo como Cataluña, Valencia, Murcia e Andalucía, e tamén do Cantábrico, Asturias e Cantabria, ademais da Rioxa e Cuenca, para rematar en Madrid o 10 de setembro.