O Camiño de Santiago ao seu paso por Ourense encherase de música coral coa celebración do I Encontro de Agrupacións Vocais no Camiño de Santiago, que celebrará o seu primeiro concerto o día 8 de xullo, ás 20.30 horas, na Igrexa de Santa María Nai, onde actuará o grupo Aqua Música e, como coro invitado, a Coral Camino de Santiago de Ayegui, de Navarra.

A directora do proxecto “Voces no camiño de Santiago”, María del Carmen González, explicou que a idea deste proxecto xurdiu cando “decidimos facer o Camiño de Santiago cantando, a partir de aí pensamos que era boa idea poñer en valor a existencia do Camiño de Santiago en Ourense, así como a música e todo aquilo que enriquece a nosa provincia”.

“O proxecto parte coa idea de facer soamente concertos dentro do Camiño de Santiago por Ourense e os intercambios soamente son con coros de calquera dos Camiños de Santiago de España e temos varios modos de participar, ou ben co coro que veña invitado de fóra, ou se hai coro no concello que tamén participe e sempre claro o noso coro Aqua Música”, engadiu a directora do proxecto.

Os concertos ofrecerán música sacra por realizarse maioritariamente en Igrexas, pero tamén incluirán música do Camiño de Santiago.