A primeira Semana Vitivinícola de Galicia, organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), reunirá ao sector do viño desde o 5 ao 8 de xuño na cidade de Ourense, con actividades técnicas e outras de carácter divulgativo de interese para todo o público. A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad; e o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, Juan M. Casares.

Esta iniciativa vinculada ao sector vitivinícola apoiase nunha sólida base científica, “adquirida a través de moitos anos e grazas ao esforzo continuado dos investigadores do viño que ven neste sector un atractivo obxecto de estudo e unha industria moi importante para os intereses de Galicia e para Ourense”, dixo Rosendo Fernández, quen lembrou que das cinco denominacións de orixe galegas, catro son de Ourense, “de aí que o sector do viño sexa un dos eixos estratéxicos da economía ourensá”.

Juan Casares explicou que un dos obxectivos da Evega “é seguir potenciando a cultura do viño en Ourense, a capital vitivinícola de Galicia”. Este congreso é a “primeira actividade múltiple que se fai en Galicia e que combina actividades técnicas con outras de tipo práctico, como un taller para achegar ao público o mundo das catas”. Así mesmo, o director da Evega dixo que este congreso “reunirá a 40 investigadores da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ofrecerá 32 relatorios e participarán nel 24 entidades nacionais e internacionais”. O alcalde de Ourense destacou a importancia deste evento que “reunirá a un gran número de profesionais procedentes de diferentes lugares do mundo da viticultura a nivel mundial”.