A nova edición da campaña de trens turísticos impulsada polo Inorde, Turismo de Galicia e Renfe ofrece 11 itinerarios dos que 5 percorren a xeografía da provincia de Ourense, sendo a novidade deste ano, a incorporación da ruta ‘Ourense termal e de compras’, que combina o turismo polo casco histórico da cidade das Burgas, as Termas de Outariz e tempo libre para realizar compras opcionais pola cidade.

A edición deste ano desenvolverase dende o 10 de xuño ata o 28 de outubro coa intención de fomentar un turismo de calidade e sustentable.. A nova ruta incorporada a esta campaña ofrecerá dúas saídas, os días 7 e 21 de outubro.

Estes trens turísticos estanse a consolidar como un dos produtos turísticos máis exitosos do verán galego, e que este ano tamén se estenderán ao mes de outubro. O ano pasado a ocupación media superou o 80% de xuño a setembro, recibindo viaxeiros de 19 nacionalidades diferentes. Cómpre subliñar que a ruta que percorre a Ribeira Sacra foi a máis demandada e aceptada acadando o 100 por 100 de ocupación.

Aos itinerarios que percorren a provincia de Ourense súmanse a ‘Ruta dos Faros’, a ‘Ruta dos pazos e xardíns históricos’, a ‘Ruta da Lamprea’, a ‘Ruta Lugo Romano’, a ‘Ruta do viños das Ríaz Baixas’, e a ‘Ruta Descubrindo A Coruña’.