As empresas ourensanas que queiran dar os seus primeiros pasos na internacionalización contarán dende hoxe cunha nova axuda para acadar os seus obxectivos exportadores. Trátase do Servizo Integral de Reforzo Exportador, un sistema dirixido a empresas da provincia de Ourense que aínda non exportan e queren dar os seus primeiros pasos na súa etapa exportadora. O obxectivo é que os empresarios poidan visualizar toda a realidade do proceso de exportación: vantaxes, dificultades, asesoramento e guía para o desenvolvemento de procesos.

Preténdese desta maneira “incrementar a competitividade das empresas da provincia de Ourense e aumentar o número das que exportan”, afirma o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen destacou na presentación “a alianza de cooperación que manteñen Deputación e CEO, neste caso, co desenvolvemento do Plan ExportOU, coa finalidade de impulsan a internacionalización das empresas de Ourense”.

Esta iniciativa é froito do convenio de colaboración entre a institución provincial e a CEO, para o cal o goberno provincial destina unha axuda de 100.000 euros. “Difundir internacionalmente a “marca Ourense” é unha fortaleza e unha oportunidade para as empresas e para toda a provincia, xa que apoiando a internacionalización, como vimos facendo con iniciativas como a misión comercial USA-Ourense ou establecendo posibilidades de contacto con Israel, promovemos novas oportunidades de negocio e axudamos a empresas e emprendedores a abrir novos mercados”, explica Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial agradeceu á CEO o labor que realiza a prol da competitividade e avanzou que para 2018 a Deputación de Ourense seguirá achegando unha dotación económica para colaborar coa Confederación Empresarial de Ourense.

José Manuel Pérez Canal, presidente da Confederación Empresarial de Ourense, dixo en relación ao programa que hoxe se presentou que exportar “fai que as empresas sexan máis eficientes e competitivas” e que internacionalizar “é unha importante vía para expandir proxectos empresariais”.

Na presentación, técnicos do programa SIRE Elvira Losada e Fernando Iglesias remarcaron que o programa ten en conta que boa parte das empresas ourensás son de reducido tamaño e non dispoñen de tempo suficiente para realizar todas as ocupacións que engloba a exportación, polo cal este sistema baséase no apoio de profesionais e dunha rede de servizos de información sobre comercio exterior que axudará ao empresario no seu camiño exportador. A segunda fase do programa, que se prevé poñer en marcha no primeiro trimestre de 2018, estará centrada nas empresas que xa exportan de maneira consolidada.

Esta iniciativa pretende afianzar a actividade exportadora do tecido empresarial ourensán, sendo o mellor perfil das empresas indicado para desenvolver accións exportadoras o de aquelas que teñan vontade de querer afrontar o proceso de internacionalización e produtos con certo grao de vantaxe competitiva.