O Concello de Monterrei ultima os preparativos para acoller a cuarta edición da andaina “Viño de Monterrei” que terá lugar o vindeiro sábado, 7 de outubro, na que os participantes poderán coñecer a riqueza patrimonial deste municipio ourensán durante os 19 quilómetros de percorrido da andaina. Esta proba pon en valor a riqueza patrimonial, natural e cultural do municipio e contribúe a promocionar o seu produto estrela, o viño, a través de iniciativas que aglutinan deporte, saúde e natureza para dinamizar o territorio.

A proba, de dificultade media, comezará ás 10.00 horas na Alameda do Concello de Monterrei e rematará no mesmo punto. Ao longo do percorrido haberá dous puntos de avituallamento e ao remate da proba, as adegas da localidade ofrecerán unha degustación dos seus produtos aos participantes e realizarán sorteos de varios lotes de viño xunto con outros regalos.