As “Noites Teatrais” de Vilamarín chegan este ano a súa XXX edición cun programa de actuacións que se desenvolverá do día 10 ao 14 de xullo, ás 22.30 horas, no Auditorio Municipal, con entrada gratuíta.

O alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, destacou que é un evento “que non só é referente en Galicia, senón que incluso hai compañías de diferentes lugares de España que nos chaman para participar nel, pero nós, tratando de potenciar sempre a nosa cultura, tratamos de que sempre sexan obras galegas”, e engadiu “este ano é especial e, por iso, haberá cinco días de Noites Teatrais ás cales se incorporan xente natural de Vilamarín para inaugurar esta edición”

Pola súa parte, o concelleiro de Vilamarín Marcos Vázquez explicou o programa “que pretende facer chegar á xente as inquedanzas das persoas a través da comedia porque cremos que é o vehículo máis rápido para chegar a moitas sensibilidades e non ferir outras”. Así, a programación comeza o día 10 de xullo “co primeiro grupo teatral de Vilamarín que abrirá as “Noites Teatrais” coa obra “Melocotón en almíbar” unha obra chea de humor e comedia”, dixo o concelleiro de Vilamarín. Ao día seguinte sóbese ao escenario a Aula de Teatro Universitario “Maricastaña”- Sarabela, de Ourense coa obra “A última cornixa do mundo”, “a obra con máis poesía e sensibilidade da semana”, sinalou Marcos Vázquez. O mércores, 12 de xullo, será a quenda para “Os vellos non deben de namorarse” a cargo do Teatro do Morcego, de Narón, “o clásico de Castelao levado aos tempos actuais”, afirmou Marcos Vázquez. O xoves sairá a escena Malasombra Producións de A Estrada coa obra “O caso é ter saúde” e, por último, o venres, 14 de xullo, pechará a programación Contraproducións, de Vedra, coa obra “O tolleito de Inishmaan” que “nos últimos premios María Casares recibiu cinco premios”, engadiu o concelleiro.