O Concello de Boborás dará a coñecer a riqueza cultural e patrimonial da súa aldea Pazos de Arenteiro a través das “Noites teatralizadas” que se celebrarán todos os venres, do día 14 de xullo ata o 15 de setembro, ás 22.30 horas, unha actividade para todos os públicos e de balde.

Esta iniciativa cultural amosará o universo medieval baixo a influencia da encomenda de Pazos de Arenteiro que é un dos fíos básicos dunha alternativa lúdico-cultural a desenvolver con base no século XIII: unha época marcada polo papel preponderante da Igrexa nas sinerxías socias dese tempo. Trátase así de poñer en valor e de dar a coñecer o patrimonio, tanto aos turistas coma aos propios veciños, para que a través do teatro, poidan descubrir os lugares máis emblemáticos da zona antiga desta aldea.

Cada visita durará unha hora aproximada e ten varios piares fundamentais: a interacción co público, a música en directo que lle dará máis espectacularidade e o compoñente lúdico, máis unha parte didáctica que amosa  aos espectadores o que foi Pazos na Idade Media.

Os interesados en participar deberán realizar a súa reserva a través dos números de teléfono: 645865080 ou 619442622, xa que o aforo está limitado a 30 persoas.