O escritor Carlos Casares, autor ao que se adicou o Día das Letras Galegas 2017,  será homenaxeado cun gravado de grandes dimensións nunha actividade onde se vencella a parte artística coa propia obra pública. Os artistas Fonso Castro, Isabel Somoza, Xabier de Sousa e Xosé Poldras coordinan esta iniciativa de homenaxe ao mundo literario de Carlos Casares coa estampaxe dun gravado abstracto onde a creación de varias texturas de diferente natureza evocan momentos distintos dos textos de Ilustrísima, Os mortos daquel Verán, Vento ferido e O sol daquel Verán, principalmente. Este gravado vai ser estampado na rúa, ao carón do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” para que o público poida apreciar parte do proceso de creación dunha obra gráfica, pois a matriz a estampar chegará feita previamente, o mesmo que o papel que recibirá a imaxe. Este papel especial e artesanal tamén foi feito polos artistas expresamente para o proxecto.

Despois da estampaxe, o público poderá facer o seu propio gravado orientado polos artistas nas cuestións técnicas polo que non é preciso ter coñecementos específicos. Haberá dúas pranchas dispoñibles para realizar en grupo e todos os materiais necesarios. As imaxes dos artistas e do público serán transferidas ao papel usando unha apisoadora, o que engadirá ao acto un certo carácter de performance polo que ten a máquina de posta en escena e pola participación do público na creación do resultado final.

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” tenta, a través de esta iniciativa, achegar á cidadanía a visión interior do traballo dos artistas, abre o labor destes á colaboración directa cos cidadáns e fai visible unha obra que perdurará no tempo do escritor a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas.