O  gaiteiro Carlos Núñez ofrecerá unha serie de concertos os vindeiros 27, 28 e 29 de xullo nos mosteiros de Santo Estevo de Rivas do Sil, Oseira e Santa María de Montederramo,. Os eventos, enmarcados na iniciativa “A tradición medieval”, teñen como obxectivo poñer en valor os instrumentos do Pórtico do Paraíso, para o cal, nos concertos utilizaranse réplicas dos instrumentos que aparecen nesta xoia escultórica da catedral de Ourense, unindo música, tradición e estes enclaves únicos pola súa riqueza histórica e patrimonial da provincia de Ourense.

Carlos Núñez explicou que este proxecto “vai a axudarnos a darlle vida a todo ese patrimonio medieval musical, escrito en arte e pedra, o cal afortunadamente puidemos recuperar, e así poder ofrecer concertos en acústico en recintos históricos singulares como estes mosteiros, verdadeiros tesouros arquitectónicos”. O repertorio que Carlos Núñez ofrecerá nestes tres concertos serán cantigas e melodías interpretadas por músicos durante séculos, sons que me devolven ás miñas orixes, sempre conectadas coa provincia de Ourense”, afirma o músico.

Os concertos serán o 27 de xullo, ás 21.00 horas, no claustro dos bispos do mosteiro de Santo Estevo de Rivas do Sil; o día 28, ás 20.30 horas, na igrexa do mosteiro de Oseira, e o día 29, ás 21.00 horas, na igrexa do mosteiro de Montederramo. As entradas pódense adquirir na plataforma Ataquilla.com.