Os profesores do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela Rubén Lois e Valeriá Paúl, expertos en turismo, están a artellar un proxecto que pretende pór en valor a riqueza turística e medioambiental da Raia Seca, unha das maiores reservas naturais de Galicia e do Norte de Portugal, e levar a cabo, asemade, un labor de protección do seu medio natural e de prevención de incendios forestais nesta contorna.

Os profesores, acompañados pola deputada provincial de Turismo e alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, presentaron na diputación as liñas xerais desta iniciativa que se prevé presentar ao Programa europeo de cooperación transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), que ten como obxectivo impulsar proxectos de cooperación territorial e intercambio de experiencias entre axentes locais, rexionais e nacionais, que no caso da Raia Seca persegue traballar fundamentalmente nos ámbitos da protección do medio ambiente e da proxección turística, “onde a fronteira sexa un territorio de unión para colaborar na procura de solucións aos problemas e retos medioambientais e turísticos que afectan a Ourense e ás contornas limítrofes de Portugal”, explicou o presidente provincial Manuel Baltar.

Nas vindeiras semanas definiranse os socios que participarán no proxecto, así como as actuacións e o cronograma de traballo desta iniciativa