O xurado do premio “Ourensanía 2015”, constituído para a ocasión e presidido por José Manuel Baltar Blanco, contando ademais coas persoas sinaladas á marxe, así como co voto delegado daqueloutras que non puideron asistir, logo de teren deliberado sobre as diversas propostas internas presentadas e valoradas as súas traxectorias biográficas nos máis que sobrados valores e recoñecementos que todas elas ostentan no ámbito do que representa o concepto da Ourensanía, acordou resolver o que segue: Concederlle o Premio “Ourensanía 2015” a Mariluz Barreiros Ramos, filla do exemplar empresario ourensán Eduardo Barreiros Rodríguez, como promotora e actual presidenta da Fundación Eduardo Barreiros, dedicada á perpetuación da memoria do seu pai no rol de impulsor da industria da automoción na España de mediados do século XX, así como ó fomento da investigación no campo da tecnoloxía do automóbil, ademais de á difusión cultural de todo canto ten que ver co mundo do motor, exemplo do cal son o premio bianual Eduardo Barreiros, a creación de bolsas de estudos de postgrao relacionadas coa enxeñería do automóbil ou o Museo Eduardo Barreiros, situado en Valdemorillo (Madrid) e que pasa por ser a primeira mostra monográfica dedicada a unha figura relevante do mundo da automoción en España. Con este recoñecemento, o xurado desexa simbolizar en Mariluz Barreiros, que sempre presume de ourensá alá onde vaia, a toda a familia Barreiros Rodríguez, incluíndo nela á súa nai Dorinda Ramos – tamén ourensá- e ós irmáns de Eduardo, Valeriano, Graciliano e Celso, orixinarios de Gundiás, parroquia de San Miguel do Campo (Nogueira de Ramuín), onde Eduardo comezou a despuntar moi novo como un admirable emprendedor adiantado ó seu tempo e con cuxa actividade chegou a fomentar a creación de 25 mil postos de traballo directos e a xerar máis de 100 mil empregos indirectos. A concesión deste quinto galardón da Ourensanía a Mariluz Barreiros coincide, non de xeito casual, coa conmemoración do 50 aniversario da creación do polígono de San Cibrao das Viñas, dado que unha das liñas industriais da familia Barreiros, a actual Galfor S.A., foi unha das tres primeiras empresas que apostou por instalarse nunha área industrial que, con 320 empresas alí asentadas e máis de 8.000 traballadores asistindo diariamente a ela, constitúe hoxe en día un dos principais motores económicos da provincia de Ourense.

Non quixera rematar este xurado a argumentación da concesión do recoñecemento a Mariluz Barreiros e á Fundación que preside, sen facer unha mención explícita á etapa final de Eduardo Barreiros como promotor da industria automobilística na Habana dos anos 80, onde o seu papel de incombustible emprendedor chegou a acadar límites certamente transgresores e incluso heroicos, moi propios dos valores que representa a Ourensanía, ó conseguir reproducir na Cuba de Fidel Castro o sistema de produción industrial da automoción baseado na transformación dos motores de gasolina en motores diésel, que tantos éxitos nacionais e internacionais lle concedera na antagónica España dos anos 50 e 60.

Finalmente, é desexo do xurado aproveitar a súa estadía na Casa dos Poetas de Celanova para deixar constancia de que hai agora dez anos, este mesmo espazo tan simbólico para a literatura galega foi a Casa de acollida do primeiro acto de reafirmación da Ourensanía, concretamente o día 12 de novembro de 2005.

O xurado quere facer patente unha felicitación explícita ó poeta Luís González Tosar, autor do manifesto da Ourensanía, por ter sido nomeado recentemente Académico Correspondente da Academia Argentina de las Letras, amosando así o orgullo que supón para toda a ourensanía a súa presenza en tan alta institución académica iberoamericana.