O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” acollerá tódolos xoves do mes de novembro, ás 20.00 horas, a cuarta edición de “Cata a Arte”, unha iniciativa que mestura degustacións de cinco adegas de viños do Ribeiro con actividades de índole cultural: música, danza e teatro, que amenizarán a xornada gastronómica. A presentación desta nova edición tivo lugar hoxe no Centro Cultural, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares; o director do Centro Cultural, Francisco González; a xerente de Autismo Ourense, Ana Tejada; e os representantes das adegas participantes no ciclo e a bailarina de danza contemporánea, Nuria Sotelo.

A programación comeza este xoves, 2 de novembro, coa cata a cargo da adega Reboreda Morgadío, amenizada coa actuación musical de Tato Trio. Ao xoves seguinte, o 9 de novembro, será a quenda para a adega Cuñas Davia e para a actuación musical de Mounqup. O día 16 de novembro, actuarán Ton Risco & Jacobo de Miguel durante a cata que ofrecerá a bodega Nairoa. O xoves, 23 de novembro, será a adega Pazo Casanova a que sacará os seus viños acompañados pola actuación de danza contemporánea de Nuria Sotelo & Cris Vilariño. Por último, o día 30 de novembro, pechará esta cuarta edición a Bodega Alanís que ofrecerá os seus viños amenizados coa interpretación de teatro musical de Lili Berlin.

Asemade, esta iniciativa cultural volve a presentarse cun carácter solidario destinando tódolos donativos recadados nestas degustacións gratuítas, á Asociación de Autismo de Ourense, para promover a calidade de vida das persoas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) e das súas familias ao longo do seu ciclo vital.