invitacion_ourensania_2016

 

O xurado do premio “Ourensanía 2016” presidido por José Manuel Baltar Blanco e contando coas persoas sinaladas á marxe, logo de teren deliberado sobre as diversas propostas internas presentadas e valoradas as súas traxectorias biográficas e os merecementos nos máis que sobrados valores que todas elas ostentan no ámbito do que representa o concepto da Ourensanía, acordou resolver o que segue: Concederlle o Premio “Ourensanía 2016” a José Sousa Gómez, produtor de cine e propietario de “Xenon Films”, pola súa longa carreira cinematográfica en Venezuela, que o ten colocado entre as primeiras produtoras cinematográficas daquel país e situado coma un dos nomes imprescindibles dentro da industria cinematográfica venezolana.

Por outra banda, o xurado acordou que a partir desta edición, cada ano sexa rescatada do silencio unha figura senlleira de entre os innumerables ourensáns que xa non están connosco e que, sen embargo, son merecentes de que seren devolvidos á actualidade polo legado que nos deixaron trala súa desaparición.

Neste sentido acordouse que a primeira figura a rescatar da historia sexa Rodolfo Prada Chamochín, (1892-1980) un emigrante ourensán nacido nos Peares (A Peroxa) que desenvolveu toda a súa actividade profesional e cultural en Buenos Aires e que foi o garante dos principios da ourensanía e do galeguismo na quinta provincia, sendo ademais unha figura transcendental na biografía bonaerense de Castelao.

A entrega do VI Premio Ourensanía terá lugar no Teatro Principal de Ourense as 13:00 horas do día 11 de novembro, por ser o día de San Martiño, xornada indiscutible do patrón da Ourensanía. No transcurso deste acto, o presidente da Deputación provincial de Ourense entregaralle ó premiado unha figura de bronce do escultor Xosé Cid, ademais dunha copia da presente acta, que dá fe do premio.

Acta Premio Ourensanía 2016