O Programa Provincial de Termalismo Social, que naceu con vocación de ofertar á cidadanía un programa de saúde, benestar e envellecemento activo en todas as instalacións balnearias da provincia, acadou máis de 7.700 participantes, procedentes principalmente de toda Galicia, Madrid, Andalucía, Castela e León, Cataluña e Valencia.

O primeiro ano da posta en marcha do Programa (2013), o número de persoas que participaron foi de 444, ao seguinte ano (2014) a cifra elevouse a 673, pero foi no ano 2015 cando se produce un salto cuantitativo e cualitativo ascendendo a 1.745 o número de persoas participantes, un incremento debido á incorporación do tren ao programa, ofrecendo a posibilidade desde máis de 40 cidades de toda España trasladarse ata Ourense e, posteriormente, ao balneario, integrando este servizo dentro do Programa grazas ao convenio de colaboración establecido entre o Ministerio de Fomento a través de RENFE, que converte a esta iniciativa no único Programa de Termalismo Social de España, que oferta o desprazamento en tren. En 2016 a cifra de participantes elevouse ata 2.190 e no que vai de ano xa ascende a 2.653.