A acta deste ano do xurado do premio Ourensanía recolle que, continuando coa liña iniciada o ano pasado, “de saír ao rescate de determinadas figuras senlleiras da ourensanía que xa non están connosco e que, sen embargo, son merecentes de seren devoltas á actualidade por mor do legado social ou cultural que nos deixaron, o xurado tomou a decisión de declarar o ano 2018, ano de Xosé Ramón Fernández-Oxea “Ben-Cho-Shey” (1896-1988), coincidindo co 30 cabodano do seu falecemento”.

“Mestre e etnógrafo de referencia para moitos profesionais do ámbito da pedagoxía e da antropoloxía, o seu obrigado desterro en Madrid converteuno nun verdadeiro embaixador da cultura galega na capital, onde serviu ademais de faro intelectual para moitos mozos que espertaron ao galeguismo ao seu carón naquela cidade”, sinala o xurado.

Precisamente o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar,  destacou no seu discurso na entrega do premio Ourensanía 2017 “a aqueles ourensáns xa falecidos que tamén homenaxeamos desde o xurado da Ourensanía: este 2017, dedicado a Rodolfo Prada Chamochín, persoa capital na Galicia da emigración, axitador cultural e político, valedor de Castelao; e 2018, que será o ano de Xosé Ramón Fernández-Oxea “Ben-Cho-Sey”, escritor, mestre, investigador, humorista e literato, coñecido pola maior recolleita feita sobre o barallete, a fala dos afiadores”.

“Ourense é Cultura -salientou Manuel Baltar-, como a que poñen de manifesto fundacións como a “Carlos Velo” ou a “Blanco Amor”, apoiadas e promovidas desde o goberno provincial. Cultura como os cen anos que cumprirá en 2020 a Revista Nós, auténtico referente identitario non só de Ourense senón de Galicia, e aí estará a Deputación de Ourense para celebralo como se merece”. E rematou destacando “un Ourense protagonista no que creemos, a capital do Reino Suevo de Galicia, o primeiro Estado de Europa, tema sobre o cal inauguraremos o vindeiro 14 de decembro a exposición máis potente que se lembre sobre esa etapa histórica”, dixo Manuel Baltar.