O Concello de Oímbra está a organizar un programa de visitas guiadas gratuítas polo seu territorio, unha iniciativa que baixo o lema “Coñecendo o noso patrimonio” mostrará aos visitantes os lugares de maior interese do municipio tanto a nivel patrimonial, histórico e paisaxística.

Trátase dun proxecto de tres visitas guiadas que pretende dar a coñecer o patrimonio local en primeiro lugar aos veciños, que moitas veces non coñecen a riqueza do seu municipio, e en segundo lugar aos veciños doutras vilas para que se achegen a descubrir Oímbra”.

A saída das visitas será ás 10.00 horas desde o Concello. A primeira será o vindeiro domingo, 24 de setembro, e dará a coñecer a Adega As barrocas, o lagar de Xan Preto, o cruceiro de San Cibrao que data do século XVIII, e o lagar dos Mouros. A seguinte visita terá lugar ao domingo seguinte, 1 de outubro, para mostrar a mámoa do Penedo Furado e o Castelo Medieval de Lobarzán. A última visita será o domingo, 8 de outubro, na que os participantes poderán coñecer a ara romana da Capela de Espiño e o Castro do Muro do Búbal.

Tódalas visitas irán acompañados por un arqueólogo, quén explicará os diferentes puntos de interese durante o percorrido. A participación é libre para que poida unirse a elas tódalas persoas interesadas en coñecer o patrimonio de Oímbra.