Os concellos da Baixa Limia queren poñer en valor a súa riqueza natural mediante unha iniciativa chamada “Xurés Experiences 2017” que consta dunha serie de eventos deportivos para difundir as potencialidades e a riqueza turística, natural, histórica, termal e deportiva desta contorna da provincia de Ourense. Os concellos de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, nunha suma de esforzos coa que colabora a Deputación de Ourense, achegan así unha visión única do territorio, unindo os grandes valores comúns das terras da Baixa Limia vencellando turismo, termalismo, natureza e actividade deportiva.

O programa de actividades, iniciado no mes de abril e que rematará en outubro próximo, inclue nos cinco concellos andainas probas de BTT, rutas cabalares, duatlón, trial e carreiras, iniciativas que teñen como obxectivo promocionar conxuntamente a nosa comarca e as súas potencialidades, para que os visitantes coñezan en detalle os concellos da Baixa Limia. En 2018 está previsto dar un paso máis estendendo a “Xurés Experiences” á colaboración coas cámaras portuguesas, para atraer aínda máis público do norte de Portugal.

A vindeira proba do calendario da “Xurés Experiences” terá lugar o día 4 de xuño, cunha andaina no municipio de Muíños, e o día 18, coa V Ruta cabalar de Bande. As seguintes serán en xullo, coa celebración dunha andaina en Lobeira e a IV Carreira “Vía Nova”, en Bande; e en agosto, a II Andaina nocturna de Lobios, a X Andaina “Iter Querquennae” e o III Trail de Bande. Ao mes seguinte, setembro, terá lugar a Andaina Terrachán-Peneda, no Concello de Entreimo, e o Trail do Lobo, que se disputará entre os concellos de Muíños e Lobios, para rematar en outubro coa proba Gran fondo do Xurés, entre Bande e Lobeira.