Ourense será a sede en marzo de 2019 da “Olimpíada Matemática Española”, un concurso que se celebra anualmente e no que compiten os mellores estudantes de ESO e Bacharelato de España nesta materia..

Este evento, organizado cada ano desde 1964 pola RSME en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, realízase seguindo o modelo que se aplica en todo o mundo para este concurso e xoga un papel de grande relevancia na detección e formación de xóvenes talentos en matemáticas.

Na Olimpíada Matemática participan estudantes de Bacharelato, e co aval do profesor tamén o poden facer alumnos dos últimos cursos de ESO. A Olimpíada consta dunha primeira fase local, na que participan uns 2.500 estudantes de todas as provincias, e unha fase autonómica, que determina os participantes na fase final. As probas consisten na resolución de seis problemas, repartidos en dúas sesións de tres horas e media de duración cada unha. A duración do concurso é de tres días.