Que en Ourense temos “marcha” ninguén o dubida, pero agora pode ser algo profesional. Máis de 1.500 deportistas de primeiro nivel poderían darse cita na nosa provincia para disputar o campionato de España de Baile Deportivo. Ourense é candidata para acoller a próxima edición deste campionato, que tería lugar en Expourense e no Pazo dos Deportes “Paco Paz”.

A candidatura da provincia de Ourense presentouse durante a celebración do Campionato Nacional da Federación Española de Baile Deportivo que tivo lugar na localidade valenciana de L’Eliana, unha candidatura que apoia a Deputación de Ourense e que concentraría na provincia ourensá durante as datas de celebración do evento seis campionatos de distintas disciplinas, que convocan ao mellores especialistas de España.

O presidente da Federación española de baile Deportivo, Luis Bañó, destacou a importancia que ten contar co apoio das administracións para asegurar o éxito dun evento destas características, indicando que o feito de contar co respaldo da Deputación provincial converte á candidatura de Ourense na máis forte. Outro dos factores positivos é a concentración nun único punto de dúas grandes infraestruturas como son o Pazo dos Deportes “Paco Paz” e o recinto feiral de Expourense, que albergarían as diferentes probas ofrecendo aos visitantes os servizos que demandan os deportistas. Esta candidatura denominada “Semana de Baile Deportivo de Ourense 2018” traería ata Galicia por primeira vez todas as modalidades integradas en competición da Federación Española de Baile Deportivo, recoñecido como disciplina Olímpica. Trátase dun deporte crecente en España e no resto de Europa, sendo Galicia a segunda comunidade en número de licenzas activas, tan só por detrás de Cataluña.

A provincia de Ourense conta co Club Deportivo Moovet que vén de posicionarse cunha parella de bailaríns de 15 anos como campións de España en sala Cuban Style e subcampións en ritmos caribeños na categoría junior, sendo esta a primeira vez que concorrían nun certame nacional.