A vila de Pazos de Arenteiro retrocederá dous séculos, os días 19 e 20 de agosto, coa celebración da festa “1809 A Batalla”, a 1ª Festa Histórica de Pazos de Arenteiro que traerá ao presente as tradicións e as vivencias daquela época, para conmemorar o 208 aniversario da Batalla que tivo lugar dentro da Guerra da Independencia. Con esta festa, o municipio de Boborás recupera a historia da vila e da súa bisbarra, representando a batalla que alí tivo lugar contra os franceses a comezos do século XIX cando os locais, da man do Capitán Cachamuíña, lograron derrotar ás tropas francesas.

Boborás pon así en valor este feito histórico a través dunha iniciativa cultural que aglutina teatro, música, obradoiros e un completo elenco de actividades para o desfrute de tódolos asistentes. No evento participarán máis de cen voluntarios e xa chamou a atención de moitas persoas de fóra de Galicia que chamaron para interesarse por esta celebración.

A programación da festa comezará o día 19 de agosto, ás 12.30 horas, co pregón da man do Bando Francés no Palenque. O mercado abrirá as súas portas ás 12.00 horas ámbolos días. Ademais tamén haberá actividades na rúa, o campamento do exército francés, teatro, unha mostra de esgrima, monólogos, música popular, obradoiros e postos de comida e artesanía, un completo programa que rematará o domingo, 20 de agosto, ás 20.00 horas coa celebración da batalla final “fouces contra mosquetóns” na Ponte.