O actor ourensán Serxio Pazos prepara unha xira do seu espectáculo de monólogos por varios auditorios da provincia, comezando o 25 de xuño en Castrelo de Miño e seguindo en Vilamarín, Cea, Montederramo, Celanova, O Barco, Viana e Verín.

O seu espectáculo chámase “Afiando con humor” no que Serxio Pazos se converterá nun afiador 2.0 durante 90 minutos e analizará a actualidade a través da súa mirada irónica e retranqueira. Pazos explicou que “Afiando con humor” forma parte dunha triloxía de monólogos “que comecei no ano 2008 e na que agora recollo o mellor dos dous monólogos anteriores, e está dedicado a Ourense, a través da figura dos afiadores, os mellores contadores de historias”. Detallou que o espectáculo comeza cun Serxio Pazos “afiador do século XX, para acabar sendo un afiador 2.0”.

Este afiador monologuista fará, durante os 90 minutos de función, crítica con humor do que está a suceder no país, abordando temas como “por qué os galegos somos distintos, por qué están de moda os monólogos, entre outros, convertendo o monólogo nun espectáculo aberto e moldeable, interactivo co público”, sinalou o actor.