Traballos referidos á vivenda, aloxamento hoteleiro, control de xestión, marca “Q” de calidade turística e competencia acapararon os V Premios de Investigación do Colexio de Economistas de Ourense – Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo de Ourense, que foron entregados onte na na Aula Magna “José Ángel Valente” da FCETOU.

O primeiro premio no Grao en ADE foi para Iván Míguez Álvarez polo traballo “Factores determinantes do prezo da vivenda da cidade de Ourense”, e os accésit neste grao foi para Estefanía Hermida Hermida por “Jefes de servicio y sistemas de control de gestión”, e para María Teresa Cid Morales por “La colusión y los acuerdos horizontales”. No que atinxe ao Grao en Turismo o primeiro premio foi para Andrea García González por “Estudio sobre la aplicación del Capital Intelectual en las empresas de alojamiento hotelero de alta categoría en Galicia”, e o accésit para Sofía Díaz Caride por “La imagen de la marca “Q” de calidad turística”.

No acto participaron a decana da facultade, Elena Rivo; o decano do Colexio de Economistas, Guillermo Díez, e o conselleiro delegado de UNVI, Eloy Pérez, quen ofreceu un relatorio sobre a traxectoria e a experiencia de éxito da súa empresa familiar. Tamén estivo presente o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen defendeu a Ourense como “un territorio de innovación e ideas de éxito, que nos caracteriza como terra emprendedora”, destacando a capacidade creativa da nosa provincia e a cooperación nos diferentes ámbitos, público, privado e académico, que teñen no Campus de Ourense a súa forza motora”.

 Na clausura do acto, o presidente do goberno provincial expresou aos alumnos da facultade “a relevancia das empresas punteiras que temos na provincia de Ourense, por iso, falar de economía é importante, pero máis aínda o é falar das persoas, dos emprendedores que fixeron e fan posible que proxectos de éxito empresarial ideados, desenvolvidos e impulsados desde Ourense sexan unha realidade en moitas partes do mundo”. Manuel Baltar citou exemplos de cooperación como o que mantén a Deputación coa CEO no marco do Plan Exportou para colaborar na internacionalización de empresas ourensás, e tamén remarcou a importancia de contar co Observatorio Económico Ourensán e co Inorde, “instrumentos de apoio e guía para ao emprendemento e o desenvolvemento empresarial na nosa provincia”.